Máis galego na Europa (RAG)

Máis galego na Europa (RAG)

O goberno español solicitou en 2023 á Unión Europea que catalán, vasco e galego pasen a ser novas linguas oficiais da Unión Europea. No caso do galego isto iría desaproveitar oficialmente a relación de proximidade co portugués, relación que ten permitido até hoxe o uso diario da nosa lingua por parte de representantes galegos/as nas institucións europeas, unha práctica que comezou en 1996.

Nós entendemos que o portugués podería ser o noso mellor aliado para conseguirmos que a existencia do galego sexa oficialmente recoñecida. Contando coas e cos emigrantes Europa fóra, a nosa lingua ten máis de 17 millóns de falantes no conxunto da Unión Europea.

Parlamento Europeo

Na Unión Europea existe un precedente en que foron aceptadas dúas modalidades dunha mesma lingua por forma a incluíren falantes de dous(ou dois) sabores locais con certa autonomía; é o caso do alemán austríaco e o alemán común. En 1994 publicouse un protocolo lingüístico dentro do tratado de adhesión da Austria á UE que permitiu ás persoas austríacas introduciren a variedade local da súa lingua pasando a utilizar oficialmente a súa terminoloxía propia. 

Abriuse así unha xanela de oportunidade para outras variedades lingüísticas ligadas a unha lingua xa oficial na UE, como podería ser o caso do galego en relación á que internacionalmente se coñece como portugués. 

Dese modo os dereitos lingüísticos de que xa gozamos como galego-falantes a través do portugués na UE poderían ser ampliados para todos os efectos a través da mesma fórmula, ou semellante, á que austríacos/as tiveron para a súa variedade de lingua dentro do alemán, e, por conseguinte, a UE podería recoñecer a existencia dunha variedade galega de portugués.

Isto aplicado no portugués europeo consistiría no feito de recoñeceren a nosa variedade galega, sendo admitidas formas galegas de maneira oficial. Estas formas estarían relacionadas principalmente con léxico específico da nosa terra.

No caso do galego, podería aplicarse á terminoloxía administrativa, ao dereito civil galego, agricultura e pesca, para alén doutras formas galegas que reúnan o “noso xeito” de ser e falar.

Parlamento europeo exterior

É por esta razón que, ante a proposta española dun maior recoñecemento oficial do galego na Unión Europea nós, abaixo asinados, solicitamos: 

  • Ás institucións galegas e españolas, que realicen os trámites necesarios para asegurar que o goberno da España facilite o envío de documentación galega á Unión europea en galego ou portugués coas adaptacións ortográficas necesarias. 

  • Ao goberno da España, que apoie o recoñecemento dunha variedade galega da lingua internacionalmente coñecida como portugués facilitando a aprobación da súa consideración legal pola Unión europea.

  • Ás institucións europeas, que recoñezan oficialmente a existencia dunha variedade galega de portugués.

  • Ás academias, asociacións e entidades comprometidas co galego, pedímoslles que traballen conxuntamente entre elas e xunto a UE para o recoñecemento da variedade galega do portugués na Europa.

  • Pedimos ás mesmas entidades que colaboren con esta iniciativa en relación a describir o léxico específico ou técnico e nuances gramaticais ou de oralidade propias, por forma a definiren as formas genuínas que conforman a variedade galega de portugués co rigor que corresponde a unha lingua de cultura latina.